O Miño ábrese paso paseniño pola cidade de Ourense. O pintor Parada Justel, membro da Xeración Doente, atópase retratando a unhas crianzas espidas sobre a pedra morna do verán. Na imaxe, o século XIX chega á súa fin. Algunhas asómanse, fervellas, dende enriba da ponte. É a ponte romana, a Ponte Vella, testemuño do paso do tempo. Raro é o viaxeiro que non se detén a contemplalo.
Ponte romana do río Miño
Ourense, 1950-1957
Archivo Regional de la Comunidad de Madrid
Fondo Nicolás Muller
Pastor dos amenceres,
chegas a Ourense e paras,
aquédaste nos xugos das seus pontes
e coma un boi sumiso amansas
o teu andar, a túa presa antiga
de escuma apresurada,
para ollar a cidá calmosamente
e ser o seu espello na alborada
cando as aves espertan
CELSO EMILIO FERREIRO
«Loubanza do Pai Miño»
Onde o mundo se chama Celanova
(Madrid, 1975), 90 [fragmento]
As Burgas: lavando a roupa en augas termais
Ourense, 1947-1958
Archivo Regional de la Comunidad de Madrid
Fondo Nicolás Muller
A auga está presente en cada recuncho da cidade. Varias correntes fluviais convértena nun cruce natural de vías de comunicación. Nos lavadoiros das Burgas, as mulleres escorren a roupa e deposítana envurullada nos cestos.
Lembro, abofé, a nosa visita ás Burgas, as termas, famosas dende o tempo dos romanos. Nun dos mananciais atopamos pracer: abrollaba dun muro de granito, por baixo dun arco decorado con esculturas e, nuns tanques que recollían a auga que escorregaba, as mulleres lavaban a roupa branca. Pero na veciñanza dos outros dous mananciais, nun tanque escaldaban e depenaban aves de curral e noutro cociñaban carne na auga irada. Preto de alí hai carnicerías e por todas partes había carcasas, que as mulleres esfolaban e limpaban, cos cheiros e as cores dos refugallos dun matadoiro. E toda esta mestura fedorenda era un fervedoiro: xente rebulindo decontino, mulleres metidas ata o nocello en auga sanguinolenta, voces acedas bradando, a batuxada dos recipientes baleirados… e había tamén risas e notas dunha canción que rubían de entre o medio das mulleres, como as burbullas de vapor que escapan dunha pota cando ferve.
CATHERINE GASQUOINE
Spain Revisited: A summer holiday in Galicia, 1911