Non é estraño que a finais do século XIX fotógrafos chegados de lonxe se instalasen na foz do Miño e permanecesen a carón del o resto dos seus días. Perante unha realidade cambiante e o horizonte dun leito aberto ao mar, as posibilidades de creación eran infinitas.
Na actualidade son cada vez máis os artistas que, coa súa particular mirada, atopan aquí un lugar para desenvolver a súa obra. Óleos, acuarelas, instalacións, escultura, murais, collages… do realismo máis preciso á abstracción máis expresiva, cada un desvela as súas impresións nesta colección de entrevistas.
O patio da casa natal do pintor Xavier Pousa recíbenos para internarnos nunha viaxe pola súa pintura arredor do río que o viu medrar. Nin os anos de formación na Real Academia de Belas Artes en Madrid nin as viaxes ao estranxeiro impedíronlle regresar sempre ao lugar onde habita hoxe a súa memoria.
1979
Familia Xavier Pousa
Corría o ano 1978 cando un grupo de artistas decidiron encher de arte as rúas da vila de Cerveira. A expresión artística atopaba o seu lugar tras a paréntese dunha longa espera. Dende aquela, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira non falta á súa cita. Innovación e tradición danse a man á beira do río Miño.
As flores da portada dun vello vinilo fannos internarnos nun universo onde os xardíns permanecen ocultos. Nun proceso de exploración constante, a artista viguesa comparte segredos e anhelos. Ao final todo é cuestión de querer dar o salto. Soa a música: Madame Butterfly.
«Pinto o que vexo… vexo o que sinto». Así se define este artista polifacético que atopa na natureza un lugar perfecto para expresar o que sente e reflexionar sobre o significado do río como metáfora da propia vida.