Capítulo 01
O nacemento
1. O primeiro latexo

Un río de pedras ábrese paso na aba oeste da Serra de Meira. É o Pedregal de Irimia, morena dun antigo glaciar. Se prestas atención escoitarás o son da auga agromando da terra. Son as primeiras augas do río Miño, un tímido regato nacido a tan só 695 metros de altitude. No seu descenso aliméntase de ducias de fontes; o seu caudal aumenta notablemente na Lagoa de Fonmiñá. A escultura dedicada ao mítico rei Breogán celébrao. Chegamos á chaira, a Terra Chá, terra hipnótica venerada por poetas por onde o río discorre entre zonas húmidas.

Magín Picallo & Manuel Mallo
Breogán

Augusto Guedes Pacheco

Técnica fotográfica; Valca; 35 mm.
1960-1970. Plástico

Museo etnolóxico de Ribadavia

2. Terra Cha

Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma.

Manuel María, «Dimensións» (1953)

3. Entre illas

Abandonamos Terra Chá, deixando atrás a súa gran chaira, atravesada por máis dun cento de ríos. O Parga alimenta ao Ladra, que verte todo o seu ser no Miño. As árbores do inverno descúbrennos as Ínsuas de Rábade. Dende o seu nacemento ata a cidade de Lugo, percorre 73 km. A central que iluminou a cidade por primeira vez ponse en funcionamento.

Os teus fillos de neve e chuvia baixan
coma récoas de escuma bulideiras
polas agrestes brañas
en verdes romeirías de muiños
para acadar o teu sendeiro de auga
e dormir docemente.

CELSO EMILIO FERREIRO
«Loubanza do Pai Miño»
En Donde o mundo se chama Celanova
(Madrid, 1975), 88 [fragmento]