Á altura da estación de tren de Frieira, inaugurada en 1881, asistimos ao encontro entre tres provincias de dous países distintos: Pontevedra, na marxe dereita do río; Ourense, á esquerda e, abrazando as dúas polo sur, a rexión do Minho, en Portugal. É o comezo da Raia, o Marco de Fronteira n.º 1, antigo punto de contrabando de mercadorías. Un lugar ao que os viaxeiros do último terzo do século XIX chegaban impresionados pola paisaxe e a severidade das montañas de Portugal. Non moi lonxe de alí atopábase a Ponte Barxas, unha antiga ponte internacional para atravesar o Troncoso, un afluente do Miño, que permitía ao viaxeiro cruzar a fronteira en só seis pasos. En 1935 substituíuse por outra ponte, non moito máis longa, situada algo máis lonxe.
Alén do bruar, dos remuíños e das escumas do Minho, os sobrios montes de Portugal semellaban tocar o ardente ceo azul.
WALTER M. GALLICHAN
(Geoffrey Mortimer)
FISHING AND TRAVEL IN SPAIN
A Guide to the Angler
London. F. E. Robinson & Co. 1904
Sorprende saber que nada máis arrancar o século XX o home que filmou a primeira película de cine en Portugal trasladouse ao punto máis setentrional da República Portuguesa coa súa cámara fotográfica. Ese home era Aurélio Pas dos Reis.
Ademais das vistas da pequena ponte de madeira que cruzaba o río Troncoso en 1903, as súas ilusións estereoscópicas condúcennos ao onírico. Paseos entre piñeirais e tardes de baño nun balneario aínda en funcionamento: o Parque Termal de Peso, en Melgaço.
Á altura de Arbo e Melgaço, o Miño ábrese paso acariñando os brazos das pesqueiras, que dende tempo inmemorial se internaban na o auga. As pesqueiras son construcións de pedra orientadas a conducir a lamprea ao encontro coa rede. De Arbo a Salvaterra, de Melgaço a Monçao… Cada unha numerada segundo unha orde, número negro sobre fondo branco en Galicia, número branco en Portugal. Se semellan imbatibles é grazas ao esforzo dos pescadores. Xeración tras xeración deixando a alma, todas as noites, toda unha vida. Unha ligazón inquebrantable con ese animal case prehistórico de boca circular.
O Castelo de Salvaterra foi testemuña de moitos enfrontamentos entre Portugal e o Reino de Castela, e entre os seus moradores lémbrase especialmente a dona Urraca, a Temeraria, raíña de León e de Castela do século XII. A restauración da súa muralla fainos esquecer que non hai tanto era unha ruína. Fotografouna así un dos pioneiros da fotografía en Galicia, Francisco Zagala, nada máis dar comezo o século XX, e así a describiu a escritora Catherine Gasquoine en 1902:
En Salvaterra, érguese xusto por riba da estación a pintoresca ruína, ataviada con hedras, dunha antiga fortaleza e a pouca distancia, do outro lado do río, na beira portuguesa, vimos a antiga cidade amurallada de Monçao.
CATHERINE GASQUOINE
Spain Revisited: A summer holiday in Galicia, 1911
Os 35 metros da Torre Lapela son un escaparate privilexiado para contemplar o espectáculo dun río abríndose paso entre dous países que se encontran. Dende arriba a paisaxe é impoñente. Hai máis dun século, o fotógrafo e editor Emílio Biel incluíuna no álbum Arte e a Natureza em Portugal: «A torre Lapela, que se ergue fachendosa sobre o río Miño…». Concibida para vixilancia da fronteira, a imaxe seleccionada para o álbum foi unha vista dende a outra beira do río. En primeiro termo, un grupo de pasaxeiros posa nunha barcaza xunto ao carabineiro. Ao fondo, omnipresente, érguese a torre.
«O tren condúcenos ao longo daquel incomparable campo e achéganos ao Miño, que parte o chan de Portugal e España. É a fronteira máis fermosa e melancólica que se pode imaxinar. Aquel fermosísimo río non está feito, sen dúbida, para que en cada unha das dúas beiras flote pavillón distinto».
BENITO PÉREZ GALDÓS
Excursión a Portugal, en A casa de Shakespeare, 1885
Coma un viaxeiro máis dos camiños de ferro de Portugal, no ano 1885 Benito Pérez Galdós aprestábase para cruzar a fronteira natural do río Miño. Aínda non se inaugurara oficialmente a Ponte Internacional. A prensa ilustrada seguiu con atención os avances da súa construción; un proxecto común entre enxeñeiros portugueses e españois que unía por ferrocarril as vilas de Valença do Minho e Tui. A súa impresionante estrutura de aceiro, fotografada polo enxeñeiro Soler, era todo un símbolo de progreso. Pero cando Galdós chegou á fronteira, tívose que conformar con cruzala nunha fráxil barca.
“Mintan o que queiran os ollos enganadores,
O corazón dinos ós galegos que o Miño
non é un río que separa sinón unha ponte de amor
que abraza e que axunta...”
RAMÓN CABANILLAS
A saudade nos poetas gallegos, 1920
Vendo-os assim tão pertinho a Galiza,
mail’o Minho são como dois namorados
que o rio traz separados quasi desde o nascimento.
Deixal-os, pois, namorar já que os paes
para se casar lhes não dão consentimento.
JOSÉ RODRÍGUEZ VALE
Ares da Raya, 1902
A miña mente encheuse con fantasías do momento e sentín que esta vila, tan pacífica e remota, estaba enmeigada coas lembranzas de loitas pasadas máis ca ningunha outra vila que viramos.
CATHERINE GASQUOINE
Spain revisited, 1910
Dunha beira e doutra, os habitantes do río Miño foron representados na pintura, a fotografía e a literatura. Iniciamos a nosa homenaxe a estas xentes cunha galería de fotografías da Coleção de Costumes Portugueses tomadas entre 1871 e 1900, unha sucesión de retratos de estudo que pon en valor o tipismo e a tradición no norte de Portugal.
Si, é poética a miñota, mais sendo poética, é ao mesmo tempo a muller esencialmente traballadora, positiva, real: porque, nesta provincia, ao contrario do que en toda a parte sucede, a muller é quen toma verdadeiramente o lugar do homen, que non pasa de acccesorio
Antonio da Costa
«NO MINHO» (Lisboa, 1874)